O Concello de Zas lembra a Enrique Labarta Pose no 101 aniversario do seu falecemento

O Concello de Zas rendeu homenaxe hoxe a Enrique Labarta Pose coincidindo co 101 aniversario do seu falecemento. O alcalde de Zas, Manuel Muíño, e o descendente do escritor, Ángel Labarta, realizaron unha ofrenda floral diante do monumento dedicado ao autor co obxectivo de manter viva a súa memoria e seguir reivindicando o recoñecemento que merece unha das figuras máis destacadas da literatura galega.

Durante o acto, ambos depositaron un ramo de flores como símbolo de lembranza e respecto cara ao polifacético escritor baiés, autor dunha extensa obra literaria e firme defensor da lingua galega. Enrique Labarta Pose deixou unha profunda pegada na literatura galega de finais do século XIX e comezos do XX, destacando tamén pola súa intensa actividade cultural durante a súa etapa estudantil.

O rexedor destacou a importancia de continuar divulgando a figura e o legado de Enrique Labarta Pose e insistiu na necesidade de que a Real Academia Galega lle dedique no futuro o Día das Letras Galegas. “Labarta Pose foi un pioneiro da defensa do galego e unha figura fundamental da nosa cultura. Desde o Concello de Zas seguiremos traballando para que teña o recoñecemento que merece e para que a súa obra continúe chegando ás novas xeracións”, sinalou Manuel Muíño.

Entre os seus textos máis recoñecidos figuran obras emblemáticas como ‘¡Que me enterren aló!’, ‘¡Non falés o Gallego!’ ou ‘Defensa das Mulleres’, nas que deixou patente o seu compromiso coa lingua galega, coa defensa das mulleres e co amor pola súa terra.

O alcalde tamén lembrou o amplo programa de actividades impulsado o pasado ano con motivo do centenario do falecemento do escritor. Ao longo de varios meses desenvolveuse unha programación especial organizada polo departamento de Cultura do Concello de Zas para poñer en valor a figura dun autor que xa no ano 1920 fora proposto para ser académico de número da Real Academia Galega, tal e como consta na documentación conservada pola propia entidade.

Desde o Concello de Zas continuaranse promovendo accións de divulgación arredor da figura de Enrique Labarta Pose co propósito de reforzar o seu legado cultural e acadar o recoñecemento institucional que consideran xusto para unha das voces máis relevantes da literatura galega da súa época.

A IX Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose bate récords con 49 propostas presentadas

O Concello de Zas pechou o período de inscricións na IX Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose cun resultado histórico, rexistrando un total de 49 obras presentadas por compañías chegadas de toda Galicia. Trátase da cifra máis alta rexistrada nas nove edicións do certame.

Este éxito de participación confirma a consolidación da Mostra como unha das principais citas do teatro afeccionado galego, reunindo propostas moi diversas tanto na súa procedencia como nos estilos e xéneros escénicos. Nunca antes se recibiran tantas propostas, o que evidencia o crecente interese das compañías por formar parte desta iniciativa cultural.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, valorou moi positivamente a resposta desta convocatoria: “Estamos moi satisfeitos coa acollida desta novena edición, que bate todos os récords de participación. Recibir 49 propostas é un indicativo claro do interese que esperta esta Mostra en todo o país e do bo momento que vive o teatro afeccionado galego”.

O rexedor quixo agradecer “o esforzo de todas as compañías participantes e destacar que, unha vez máis, Zas convértese nun punto de encontro fundamental para a cultura e as artes escénicas”.

Gran variedade de propostas e xéneros

En canto á procedencia das obras, destaca a ampla representación territorial. A cidade da Coruña encabeza a lista con sete propostas, seguida de Ourense con seis e Vigo con catro. Santiago de Compostela suma tres obras, mentres que localidades como Cambre, Arteixo, Pontevedra, Lugo ou Nigrán contan con dúas propostas cada unha. O resto das candidaturas chegan de concellos como Barco de Valdeorras, Ortigueira, O Carballiño, Carballo, Mugardos, Barreiros, Palas de Rei, Bergondo, Corcubión, Vilagarcía de Arousa, As Pontes de García Rodríguez, Foz, Barrañán, Cuntis, Ferrol, Santa Comba, Narón, O Porriño ou Vilanova de Arousa, entre outros, o que amosa unha participación moi repartida por todo o territorio galego.

No relativo aos xéneros, a comedia volve ser a gran protagonista, representando case a metade das propostas (46,94%), con 23 obras. A ela súmanse outras variantes como a comedia musical, a comedia social, a comedia negra ou a comedia de enredo. O drama tamén ten un peso importante, con sete propostas (14,29%), mentres que outros xéneros como a traxicomedia, o teatro histórico, o infantil, o esperpento ou os monólogos completan a variada oferta. Tamén se rexistran propostas híbridas que combinan elementos diferentes, así como pezas máis singulares como dramas fantásticos ou misteriosos.

Entre as compañías participantes hai tanto grupos que repiten a súa presenza tras participar en edicións anteriores como outros que se presentan por primeira vez á Mostra, contribuíndo así a renovar e ampliar o abano de propostas.

Sobre a variedade de propostas, o alcalde, Manuel Muíño, subliñou que “garante unha edición moi rica e plural, o que sen dúbida elevará a calidade da programación final. Agora comeza un proceso de selección complexo, pero confiamos en ofrecer ao público unha Mostra á altura das expectativas”.

Desenvolvemento da Mostra

Unha vez rematado o prazo de presentación, ábrese agora a fase de avaliación. O xurado será o encargado de seleccionar as cinco obras que formarán parte da programación oficial da IX Mostra, así como tres propostas de reserva.

As representacións desenvolveranse os sábados 23 e 30 de maio, e 6, 13 e 20 de xuño, mentres que o 27 de xuño terá lugar o acto de clausura e entrega de distincións.

O Concello de Zas abre o prazo de inscrición da IX Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose”

O Concello de Zas abre o prazo de inscrición para participar na IX Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose”, unha cita cultural xa consolidada no calendario cultural do municipio que busca impulsar a creación escénica e dar visibilidade ao teatro afeccionado en lingua galega.

As compañías interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 20 de abril, tal e como recollen as bases da convocatoria aprobadas polo Concello. A programación desenvolverase durante cinco sábados consecutivos, os días 23 e 30 de maio e 6, 13 e 20 de xuño de 2026, con representacións que se repartirán entre o Auditorio de Zas e o Auditorio do Centro Sociocultural de Baio. A Mostra pecharase o 27 de xuño cun acto de entrega de distincións.

Nesta novena edición introdúcese unha das principais novidades da convocatoria: as compañías seleccionadas recibirán un cache de 800 euros por representación. Ademais, o Concello asumirá unha axuda para gastos de transporte, calculada desde a sede social da compañía ata o lugar da representación.

A Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” naceu co obxectivo de fomentar a creación cultural no ámbito das artes escénicas e apoiar o teatro amador, ao tempo que promove a difusión do teatro en galego. Ao longo das súas distintas edicións, o certame consolidouse como un espazo de encontro para compañías de diferentes puntos de Galicia, favorecendo o intercambio cultural e contribuíndo á dinamización da actividade teatral.

Poderán participar nesta convocatoria todas as compañías ou grupos galegos de teatro afeccionado legalmente constituídos que presenten propostas teatrais en lingua galega. Cada grupo poderá presentar varias obras, aínda que só poderá ser seleccionada unha.

A selección das obras participantes realizarase mediante un procedemento de avaliación artística, no que se terán en conta aspectos como a calidade global da proposta, a interpretación e a dirección escénica, a coherencia da posta en escena, a adecuación ao carácter da Mostra ou a viabilidade técnica da representación. O proceso contará cun xurado encargado de escoller os espectáculos que formarán parte da programación desta novena edición, composto por un técnico da área de Cultura e Deportes do Concello de Zas, o Concelleiro de Cultura a Concelleira de Educación, e catro membros do grupo de teatro Badius, Ricardo Vigueret, Alberto Villar, Pablo Soto e Lourdes Vidal.

Ao remate da Mostra entregaranse varias distincións honoríficas, sen contía económica, que recoñecerán o traballo das compañías participantes. En concreto, outorgaranse premios á mellor obra, segunda mellor obra, terceira mellor obra, cuarta mellor obra e quinta mellor obra, así como ás interpretacións de mellor actor e mellor actriz.

Ademais, o público tamén terá voz na Mostra. Ao finalizar cada representación, as persoas asistentes poderán valorar o espectáculo mediante un sistema de votación, do que sairá a distinción á mellor obra elixida polo público, correspondente á proposta que acade a puntuación media máis alta.

As bases completas da convocatoria e toda a información relativa ao proceso de inscrición poden consultarse no Taboleiro de Anuncios da Sede Electrónica do Concello de Zas (https://sede.concellodezas.gal/sxc/gl).

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou que “confiamos que esta novena edición da Mostra Teatro Afeccionado volva a ter unha gran acollida, seguindo a estela do ano pasado, con obras de teatro presentadas de toda a comunidade. Esta cita xa está consolidada como un referente cultural e reforza o noso concello como ocentro do teatro amador da Costa da Morte, dinamiza o noso tecido comercial eproxecta a imaxe do noso concello por toda Galicia”.

O Alcalde de Zas reúnese co recén nomeado Presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo

Durante acordaron coorganizar unha actividade conxunta sobre a figura de Enrique Labarta Pose

“A Compaña”, de Enrique Labarta Pose – Adaptación teatral do IES Maximino Romero de Lema

O resultado é un magnífico traballo de interpretación e posta en escena que se pode escoitar íntegro en formato audio

O Auditorio de Baio acolle este domingo a representación de catro obras de teatro de Labarta Pose

Alumnado do CEIP Labarta Pose e membros do grupo de teatro Badius interpretarán “O tío
Sanfona”, “A lingua pequena”, “Falade Galego!” E “Unha boa misa”

Tras as pegadas de Enrique Labarta Pose en Baio

Na recta final da Semana Cultural do IES Maximino Romero de Lema de Baio achegaron ao alumnado a figura de Enrique Labarta Pose.

O Concello de Zas ríndelle unha emotiva homenaxe a Enrique Labarta Pose o día no que se cumplen 100 anos do seu falecemento

“Si por fado do Perello / morro lonxe da terriña, / anque sexa por correio / mandádema á miña aldea! / Si eiquí me enterran eu toleo! / Non me acostumo antre mortos / que non falan o gallego!”

Alumnado de todo o Concello de Zas participará no acto no día en que se cumplen os 100 anos da morte de Enrique Labarta Pose

Será o vindeiro martes, 13 de maio, a partir das 11:00 horas na Praza Jorge Mira Pérez

As rúas principais de Baio e Zas enchense de flores e de poemas de Enrique Labarta Pose

Ao longo do día de hoxe quedarán instaladas nas principais rúas de Baio e de Zas un total de 18…